Agadic hipoteca o futuro do audiovisual

A Xunta deixa no aire catro das cinco liñas de axuda para o sector

Até aquí chegou o modelo de apoio ao audiovisual que ensarillou o goberno bipartito. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) vén de convocar oficialmente as axudas á produción de longametraxes, e segundo recollía onte o Diario Oficial de Galicia, coa mesma contía que en 2011, 2,9 millóns, e similar cadencia nos prazos: 150.000 euros para este ano, 600.000 para o que vén, 1,5 millóns de cara a 2014 e 650.000, por último, en 2015. O que non fixo de momento, e probabelmente xa non o faga no que queda de lexislatura, é abrir as outras catro liñas: a de contidos interactivos, a de desenvolvemento de proxectos, a de curtametraxes e videoclips e a de promoción do talento, que sumaban 675.000 euros. Sería como volver ao último mandato de Fraga.

A categoría de produción é a que nutre as empresas e películas de maior envergadura, e de aí saíron na convocatoria de 2011 filmes como Todo é silencio, de José Luis Cuerda, ou Traíñas, de Ángel de la Cruz, ambas en proceso. As de desenvolvemento de proxectos (200.000 euros) e contidos interactivos (210.000 euros) pretendían engraxar o sector e manter a actividade. As outras dúas eran as que redundaban na formación de novos cineastas, técnicos e públicos: tanto a de curtametraxes e videoclips (115.000 euros) como sobre todo a de promoción do talento (150.000 euros), que Oliver Laxe empregou para filmar Todos vós sodes capitáns (2010) e gañar o premio da crítica en Cannes.

Até agora, a orde de convocatoria era á inversa. Primeiro se publicaban as de menor contía, que son as que impulsan proxectos máis modestos e soportan prazos máis curtos, e ao final as de produción, sempre plurianuais e moito mellor dotadas economicamente. Dolores Ben, presidenta da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), á que pertencen as empresas beneficiarias destas últimas axudas, sabía que ía ser así desta vez. “Consensuar talvez non sexa a palabra”, explica, “pero si que estabamos informados de que se ían abrir primeiro estas. O resto está no aire”.

O director de Agadic tampouco disipa as alertas. Juan Carlos Fasero admite que non se volverán abrir as outras catro liñas “tal e como estaban concibidas até o de agora”, pero tampouco pode asegurar nin cando nin como se van substituír. No mellor dos casos “intentarían convocalas” con outras condicións a final deste ano, e xa con cargo ao orzamento de 2013. Nova hipoteca, pois para entón a Consellaría de Cultura tería que facer fronte á terceira anualidade das axudas de produción de 2011, a máis elevada (1,74 millóns); á segunda das que acaba de lanzar, outros 600.000 euros; e así sucesivamente. A bóla de neve das débedas non deixaría de medrar.

Menor recorte sofren as subvencións ás industrias culturais, destinadas sobre todo ao campo das artes escénicas —antes, tamén ás musicais—, e que tamén se convocaron oficialmente onte. Pasan de 1,37 a 1,29 millóns de euros e introducen algunhas variacións no reparto dos fondos. Desaparecen as que impulsaban traballos discográficos (80.000 euros) e obras de mellora en estudios de gravación (25.000) e minguan as destinadas ás salas privadas, de 80.000 a 70.000 euros, e ao fortalecemento da actividade escénica, 700.000 euros fronte aos 850.000 de 2011. Increméntase só a partida de distribución de espectáculos, que sobe dende os 300.000 aos 450.000 euros.

Normas

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS