Luces

A cultura pendente do bipartito

Creadores e especialistas piden máis promoción exterior e proximidade á cidadanía

A falta de escenificar o reparto do orzamento da Consellería de Cultura para 2009, e co ruxerruxe propio dunhas eleccións en camiño, este xornal consultou a especialistas de diferentes campos da cultura sobre as contas pendentes do bipartito. Deixando á parte o balanzo global da nova xestión -"a cultura galega xa non pide perdón por existir", di Luis Álvarez Pousa-, o discurso do que falta remite ao mundo de esperanzas que alimentou o cambio político. No concreto, á "herdanza envelenada" da Cidade da Cultura e a algunhas promesas adiadas, coma o Instituto Rosalía de Castro, incluído no pacto de goberno.

"Falta un proxecto que revalorice a dimensión social e política da cultura, sen a que dificilmente se pode abordar a súa democratización, a asignatura pendente, nin moito menos a súa singularidade e supervivencia no mar da globalización".", di Pousa, antigo director xeral de Cultura. Conseguir que abrolle unha "cidadanía cultural", segundo Pousa, precisa "dun goberno que asuma de maneira integrada as políticas culturais e de comunicación". Na opinión de José Carlos Bermejo, catedrático de Historia Antiga, falta "todo", en especial unha "aposta pola cultura de base". "Nos pobos, nos barrios e nas aldeas, con redes de bibliotecas", resume, "non na lóxica da exhibición" que simboliza a Cidade da Cultura, "inversión ruinosa lexitimada por este Goberno".

"A cultura galega xa non pide perdón por existir", di Álvarez Pousa
Bragado bota en falta "a ambición de considerar a lectura un tema político"
Más información
"Bastante fixemos, vindo de onde viñamos"

Marcos Lorenzo, asesor cultural do goberno de Ferrol, deténse no traballo sociocultural coa cidadanía. O autor de Liquidación de existencias, que menciona a traxectoria "exemplar" de Natalia Balseiro á fronte do Centro Coreográfico Galego, coas súas montaxes a pé de rúa, non ve aínda unha "aposta firme" pola dimensión social da cultura, no que tamén se decide o futuro da lingua. "Polo traballo de barrio, nas asociacións e nas escolas, que non ten unha visibilidade inmediata". Lorenzo valora o "inédito" dalgúns pasos, coma o propio interese pola proxección exterior, para explicar que a política cultural se concentre "máis nos profesionais da cultura que na demanda que deberán ter os artistas no futuro".

Neste punto, o economista Fuco Sanjiao (Todo o mundo a escena! A economía do teatro) considera que o primeiro Plan Galego das Artes Escénicas e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que substituíu ao Igaem, son unha mostra da "aposta por impulsar a actividade profesional no mundo da arte". "Agora faltan os programas destinados ao que non é profesional. Hai que recrear o gusto polo teatro, e niso ten responsabilidades todo o Goberno".

Nos principais sectores do que insiste en chamarse industria cultural, pendentes de ensamblar na Agadic, as opinións reflicten os diferentes graos de intervención institucional. Desde o mundo da edición, Manuel Bragado apunta que faltou "a ambición de considerar a lectura un tema político". Malia o lixeiro aumento das vendas, "consumimos en libros 21 millóns de euros menos do que nos correspondería por poboación", resume o director de Xerais, que recomenda profundizar no diálogo co sector a través da Agadic e deseñar "unha estratexia nacional compartida de promoción da lingua e da literatura no exterior". Pendentes de como se desenvolva a Cámara do Libro, que na nova lei se concibe como asociación de empresas, Bragado insiste na necesidade de crear unha Oficina do Libro que xunte a editoras, asociacións de escritores e administracións (Cultura e Política Lingüística). "Oficina ou como se lle queira chamar", di, en referencia ao Instituto Rosalía, que debería canalizar este traballo alén das feiras internacionais.

"Os galegos andamos polo mundo, pero Galicia non está no mapa", di Paco de Pin, que fala de música, cCaso aparte en calquera estratexia de internacionalización. Pin, socio de Nordesía e un dos responsables da empresa Caché Loxística, é crítico co intervencionismo: "Temos un público afeito a aberracións como concertos gratis nas fundacións. En Francia ou Alemaña hai grupazos que seguen tocando pola taquilla. Cantos grupos galegos poderían facer iso na Sala Capitol?". Tras a autocrítica, sinala que a Administración debería seguir fomentando a presenza internacional "de xeito que a un grupo lle supoña o mesmo tocar en Vigo ca en Londres, pero sen pagar caché".

No avoltado mundo do audiovisual, coas competencias partidas entre produción (Axencia Audiovisual) e promoción (Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual), a reflexión do produtor e director Pepe Coira non deixa de ser irónica: "A disparidade de criterios foi rechamante, pero tamén te podes atopar con liñas de traballo e de axudas máis diversificadas". Coira, que agarda "que se tome nota do aprendido" de repetir o bipartito, refresca asuntos pendentes como "a reforma da CRTVG e a potenciación das canles de exhibición e distribución, unha vez conquistada a capacidade de producir". Outra das cuestións aféctalle aos administrados: "No audiovisual non damos adoptado unha soa voz cando cómpre. Como sociedade civil temos unha relación coa política pouco sana".

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS