Entrevista:Luces

"A poesía foxe da orde"

O director editorial de Galaxia, Carlos Lema, pescuda na linguaxe no seu primeiro libro de poemas, 'O xeito de Freud'

A Carlos Lema prodúcelle alerxia o monumento. "Cómpre ser torpes", escribiu nunhas comentadas anotacións, tituladas Contra a novela e publicadas na Revista das Letras de Galicia Hoxe. "Gustaríame que os poemas d'O xeito de Freud tendesen cara a certa indeterminación", explica, "porque a poesía é un dos xéneros literarios que mellor permiten a non fixación do discurso". Director de edicións de Galaxia dende hai seis anos, Lema (San Sadurniño, 1958) debuta como poeta tras acadar o último premio Johán Carballeira. O xeito de Freud aparece nas librarías da man de Espiral Maior.

"A linguaxe e a literatura pretenden sempre certas formas de poder". Sobre esa aserción edifica Carlos Lema os tres segmentos do seu libro: Secuencias que seguen o espírito compositivo da realidade, o longo poema O xeito de Freud e Tácticas para a disolución da memoria. "Non me interesa a literatura como transmisión de poder, mesmo entre autor e lector", asegura un Lema que se apoia nos estudos de Pierre Bourdieu. "Por exemplo, se les As flores do mal, o lector participa do poder que ese libro posúe hoxe en día na historia da literatura. Non é igual ler un libro canónico que ler subliteratura, ou literatura de xénero". Carlos Lema, que facturou un libro de escrita demorada, case oito anos, enumera unha restra de propósitos ao respecto: "Na escritura, e tamén na lectura, busco, a maioría das veces, evadirme, fuxir da linguaxe como orde, como fixación".

"A linguaxe constrínxenos demasiado; hai que tentar outra cousa"
"Non existe separación; para min, ler é escribir, discutir co texto"

O xeito de Freud defínese en oposición á instalación da lingua. "Quero que o libro transmita o contrario, os ocos que quedan na linguaxe, os baleiros que a linguaxe non cobre", afirma. Lema remite a Paul Celan e á "reixa da linguaxe", como o poeta alemán (1920-1970) titulara o seu libro de 1959: "Os ocos que forma esa reixa son os que a min me interesan, a parte da vida que a linguaxe non recolle; porque linguaxe constrinxe, dixire e fai intelixíbel a vida, pero non toda a vida é intelixíbel". A duración, o tempo irreductíbel á representación con forma de poema. "A linguaxe constrínxenos demasiado, deberiamos tentar outra cousa".

Se cadra para fuxir daquela "cárcere da linguaxe" que consignara o filósofo Fredric Jameson, é a razón de que Lema acode á música. O compositor italiano Luciano Berio (1925-2003) "atópase detrás de todo o libro, unha presenza constante". Para o escritor, "a música resulta a arte menos determinada, con máis posibilidades de fuxir do significado e das estruturas de poder, á hora de escoitala e de intepretala". Lema non concibe a musicalidade do poema ao modo hexemónico. "A idea musical do século XX, a que se denomina contemporánea, paréceme, entre comiñas, inspiradora", di, e admite "unha rítmica nos poemas".

O xeito de Freud tampouco elude a xenealoxía poética á que se adscribe. Se John Ashbery, T.S. Eliot ou Chus Pato -"o seu exemplo é fundamental, permíteche pensar que podes escribir como desexes"- circulan polas páxinas do libro, Carlos Lema sinala a importancia de Dylan Thomas, Seamus Heaney ou Uxío Novoneyra. "Fascíname a expresividade que consegue a base de deixar ocos no texto, como elide", lembra, "Novoneyra xoga con elementos moi sinxelos, lixeiros, pero acada resonancias enormes, en certa analoxía co compositor norteamericano Morton Feldman".

Preguntado polo perigo de apropiación, tamén dende as instancias do poder, que se agochan na indeterminación da arte, Lema recoñece unha "inevitabilidade". "Toda obra de arte corre ese risco. O discurso da arte emítese nunha sociedade, nun campo social, diría Bourdieu, e o campo literario é un campo social que fai parte do poder". O autor fala dos mecanismos de control, de fixación e reemisión do discurso da literatura, "complicados de controlar polo escritor". "Despois, o autor, ou escritor, palabra que me gusta máis, pode introducir elementos que lle fagan máis difícil ao campo literario controlar ese discurso", conclúe, antes de advertir: "Á hora de escribir hai que ser conscientes desta situación". Pero Lema, partidario da contribución do sociólogo Pierre Bourdieu ao descubrimento das relacións de poder na literatura, preparou tamén unha impugnación parcial de certas teses do francés. So o epígrafe Importación e exportación de textos literarios, Carlos Lema editará un ensaio nun volume colectivo de Edicións Xerais. "Preocúpame a idea de literatura mundial de Pascale Casanova [discípula de Bourdieu]", explica.

Lema non admite discontinuidades entre lectura e escritura. "Non existe separación. Para min ler significa escribir, mesmo discutir en texto, que non é o mesmo que facelo en pensamento, co que pon o escritor no libro". Nese punto anoa a lectura co seu oficio de editor: "Un editor é, fundamentalmente, un lector, un hiperlector, diría". O responsábel literario de Galaxia refírese ao exceso de consciencia que presenta un editor respecto ao lector común. "É preciso ser consciente das implicacións dun texto, do proceso que leva da escrita á publicación dun texto", esmiúza, "do grande que é a literatura como fenómeno social; non debemos ser inocentes: a literatura non é algo neutro".

Carlos Lema coincidiu, na súa anterior etapa profesional, coa eclosión de narradores da década dos 90. Precisamente a editora Sotelo Blanco, onde traballaba, desenvolveu un labor central de espeleólogo literario e ofreceu saída a aquela promoción: Xurxo Borrazás, Xavier Queipo, Aníbal Malvar, Jaureguízar, Xelís de Toro, Xabier López López ou Manuel Darriba. Hai relevo? "Naqueles anos houbo unha apertura a, segundo Xoán González-Millán, outras identidades sociais, que xa se iniciara nos 80", opina, "pero a apertura xa se produciu; seguen a se incorporar novas voces, pero a literatura galega acolle, arestora, todas as sensibilidades e a todas as identidades sociais". O editor defende "a xenerosidade da cultura galega, que soubo introducir voces que estaban fóra". Mais Lema asume a existencia de literatura que escapa ao sistema editorial. "E é moi importante: a literatura funciona cunha dinámica interna a base de conflitos; se non existisen, teriamos pouco futuro".

Unha literatura menor

"Penso que é conveniente ler o que se denomina usualmente gran literatura como se fose unha literatura menor". Carlos Lema cita á parella de filósofos Gilles Deleuze e Félix Guattari e o libro que, a finais dos 70, dedicaron a Kafka. "Ler unha obra considerada clásico como se le outro texto, sen ese enreixado da linguaxe literaria", argumenta, "permite buscar eses ocos, os baleiros, as liñas de fuga dun texto, onde o lector se pode mover e buscar a si mesmo como suxeito".

Na súa particular defensa da poesía, o escritor asegura que o xénero "quizais pola súa historia dende o século XX, é un xénero menos determinado que outros". Lema salienta a liberdade que o poema permite ao lector e contrapón a novela: "O problema da novela é que conta unha historia, cunha estrutura liñal agónica, e iso marca a lectura dun xeito que non se dá na poesía". "Malia a que haxa novelas abertas, sempre son mecanismos abondo pechados", finaliza.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS